Sunday 19 de May de 2024

Tres percorridos alternativos integrarán a XIV Andaina Popular Concello de Riveira


Ademais do de 50 kilómetros haberá outros de 35 e 58

A XIV Andaina Popular Concello de Riveira terá lugar o vindeiro 3 setembro con tres percorridos alternativos coa finalidade de satisfacer as pretensións de persoas con distintas condicións físicas.

Así, ao tradicional percorrido de 50 kilómetros de que consta a proba dende o nacemento da mesma hai xa 14 anos (o que a sitúa como unha das máis veteranas da comunidade galega), haberá tamén outro máis asequible de 35 kilómetros máis un terceiro, denominado “Xtreme”, de 58.

O concelleiro de Deportes, Anxo Orellán; Moncho Sampedro como encargado da confección da andaina; e Jaime López en representación da Asociación de Veciños de Carreira, organizadora do evento, foron os encargados de ofrecer detalles dunha actividade que principiará ás 9 da mañá no Complexo da Fieiteira e se estenderá 12 horas ata as nove da noite.

Polo que respecta ao percorrido principal de 50 kilómetros, pasará polo sendeiro de Ameixida, o parque de San Roque, Pedra das Cabras, dolmen de Axeitos, sendeiro do río Sanchanás ou o parque dunar de Corrubedo. O de 35 kilómetros terá como base o anterior, pero contará con atallos para reducir a distancia; en tanto que ao Xtrem engadiráselle zonas de máis dureza e máis dificitultade técnica como a subida á Curota ou a subida ao Tahume.

Inscricións
O prazo de inscrición estará aberto ata o 1 de setembro puidéndose cumprimentar na páxina web municipal www.riveira.gal (12 euros para as persoas federadas e 16 euros para as non federadas). A partir do 1 de setembro haberá un prezo único de 25 euros, puidéndose realizar as inscricións na Oficina de Deportes da Fieiteira.

Moncho Sampedro destacou que co propósito de diminuir a pegada ecolóxica sobre o percorrido, este ano as clásicas cintas de plástico para marcar o circuito serán substituídas por outras de tela reutilizables (algo para o cal se contou coa colaboración da asociación Arousa NeO) e que en lugar de vasos de plástico de un só uso repartiranse outros máis resistentes do tipo dos que son utilizados polos campistas.

Recalcouse que é imprescindible levar teléfono móbil coa batería cargada por se houbese una incidencia.

Así mesmo, informouse de que entre as 13 edicións anteriores xa terán participado nesta fermosa experiencia arredor de 3.000 persoas.